Plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE

 

O Servizo Galego de Saúde foi pioneiro na posta en marcha en España de grandes programas de Compra Pública de Innovación (CPI). Ademais, recibiu recoñecementos como Premio Nacional de Innovación na categoría de CPI polo programa Hospital 2050 e InnovaSaúde (2013) e o I Premio Europeo de Contratación Pública de Innovación (2021).

Contexto: a medicina 5P como novo paradigma de atención sanitaria

Neste contexto de continua mellora e innovación, está a cobrar especial importancia o concepto de medicina 5P como enfoque integral e multidisciplinar da atención sanitaria que combina cinco elementos crave: prevención, predición, participación, personalización e enfoque poboacional. Este paradigma busca transformar a atención sanitaria actual, centrándose na prevención de enfermidades, a predición de riscos, a participación activa dos pacientes, a personalización dos tratamentos e a adopción de políticas sanitarias baseadas nas necesidades da poboación.

Co ánimo de continuar nesta liña de excelencia en materia de CPI, o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) impulsan un novo Plan de innovación sanitaria, PRECISAÚDE, que aspira a mobilizar ao redor de 20 millóns de euros que poderían ser cofinanciados con fondos FEDER do POPE 21-27, a través da próxima convocatoria da liña de axudas FID do Ministerio de Ciencia e Innovación (MCIN).

Ámbitos de actuación prioritarios

Dado que a medicina 5P é un ámbito amplo, susceptible de derivar en múltiples proxectos potencialmente innovadores, o Servizo Galego de Saúde restrinxiu o alcance do Plan de innovación PRECISAÚDE ao redor de catro ámbitos temáticos prioritarios: solucións innovadoras baseadas en biomarcadores; sistemas de simulación innovadores; solucións de análise xenómica avanzada; e solucións innovadoras de terapias.

Proxecto susceptible de ser financiado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Ministerio de Ciencia e Innovación