O Servizo Galego de Saúde lanza a Consulta Preliminar ao Mercado no marco do novo Plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE nun evento que contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade

  • O contexto da presente consulta, relativo á medicina 5P, baséase nun enfoque vencellado á aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente en función das súas características individuais.
  • Este novo paradigma ten unha gran importancia, xa que permite unha perspectiva máis eficiente e efectiva para o tratamento de diversas patoloxías, á vez que reduce os efectos secundarios e mellora a calidade de vida do paciente.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- No día de hoxe tivo lugar no salón de actos da Consellería de Sanidade o lanzamento da Consulta Preliminar ao Mercado (CPM) do Plan de innovación PRECISAÚDE centrado na Medicina 5P.

O acto de presentación da CPM contou coa asistencia e intervención do Conselleiro de Sanidade, quen recalcou a importancia da medicina 5P, xunto cunha descrición dos ámbitos de actuación de PRECISAÚDE e os oito retos lanzados no día de hoxe; e da Xerente do Servizo Galego de Saúde, expondo a evolución e recoñecemento do Servizo Galego de Saúde no ámbito da Compra Pública Innovadora (CPI), apostando pola súa continuación e mellora.

A través deste novo plan o Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, continúan a desenvolver unha importante tarefa en materia sanitaria, fomentando a óptima atención co perfeccionamento dos servizos sanitarios por parte dos seus profesionais e procurando a mellora da calidade na saúde dos pacientes mediante a Compra Pública Innovadora (CPI).

Os compradores públicos, por medio da CPM, buscan atraer a potenciais interesados, facendo as consultas pertinentes das temáticas que xeran unhas necesidades que se desexan cubrir. Deste xeito, o propio mercado é o que dará a resposta sobre as solucións que existen ou que poidan existir para resolver as necesidades existentes.

O acto comezou coa intervención do Director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da ACIS, José María Romero quen debuxou as liñas maestras do novo plan de innovación e o proceso de participación nas CPM de PRECISAÚDE.

A continuación se detallaron en distintas mesas os  catro ámbitos de actuación, conformados por unha serie de retos aos que se enfronta o Sistema Galego de Saúde e que pretende, a través deste proxecto, intentar resolver.

En primeiro lugar, a busca de sistemas de simulación innovadores, dentro do cal existen dous retos. Por unha parte, o desenvolvemento e validación de técnicas hemodinámicas para o tratamento da parada cardio-respiratoria e ECMO, exposta a necesidade polo Xefe de Servizo de  Docencia e Investigación, José Antonio Iglesias. E pola outra parte, o desenvolvemento e validación de solucións de simulación para o tratamento de feridas crónicas exposto por José Manuel Rosendo, Supervisor de procesos de coidados de enfermería acompañado por María Blanca Cimadevila, Xefa de Servizo da Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación.

A segunda mesa pretende a busca de solucións innovadoras baseadas en biomarcadores, con tres retos en oncoloxía exposto por Jesús García Mata, Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; obesidade detallado por Cristina Tejera, Facultativa Especialista da Área de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e saúde mental, encargándose da súa presentación María Tajes, Xefa de Servizo e Subdirectora Xeral de Atención Primaria

Pola tarde, trala inauguración institucional por parte do Conselleiro de Sanidade, Ángel Carracedo, Director da Fundación Galega de Medicina Xenómica xunto co Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería, Benigno Rosón, detallaron o terceiro ámbito de actuación de PRECISAÚDE no eido da xenómica, consistente na busca de plataformas globais de xestión de datos ómicos, integrando toda información relevante da historia clínica, coa posibilidade de creación dun espazo de datos para a análise automatizada, apoiándose para este obxectivo no uso de técnicas big data e de intelixencia artificial.

A busca de solucións innovadoras de terapias foi o último ámbito que quedou atendido, distribuíndose en dous retos. O primeiro reto consistiu no desenvolvemento de novas terapias avanzadas de terapia xenética e celular que presentou Mariona Baliu, pertencente á Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria, mentres que a súa compañeira Alicia Piñeiro foi a responsable de dirixir a explicación do segundo reto relativo ao desenvolvemento de solucións para a xestión integral do proceso de produción vencellado a terapias celulares avanzadas.

PARTICIPA NAS CONSULTAS PRELIMINARES DE PRECISAÚDE ATA O 17 DE XULLO

O peche do acto correu a cargo do Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa quen recalcou a importancia de que o tecido de I+D+i participe nas CPM.

O prazo de participación na consulta aberta da CPM continuará activo ata o día 17 de xullo de 2023. Consiste nunha convocatoria aberta a tódalas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, cun interese de participar e aportar ideas relativas aos ámbitos sinalados. Ao mesmo tempo, permítese a presentación de varias propostas, ben de forma individual, ben de forma conxunta.

Por outra parte, durante o desenvolvemento da consulta, poderase publicar información relativa aos avances da mesma. Do mesmo xeito, o Servizo Galego de Saúde poderá contactar cos participantes para a obtención de información, a aclaración de dúbidas ou, no seu caso, a solicitude de demos.

Unha vez rematada a consulta, publicarase un informe de conclusións que servirá de guía para as futuras contratacións que se leven a cabo.

Toda a información sobre o proceso da CPM pódese atopar na páxina web do Plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE: precisaude.sergas.gal

Proxecto susceptible de ser financiado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Ministerio de Ciencia e Innovación