O terceiro obradoiro de ConexiónPRECISA permite concretar o reto de biomarcadores en salud mental de PRECISAÚDE

Un novo obradoiro de ConexiónPRECISA permitiu compartir cos profesionais sanitarios e investigadores o reto identificado e recoller achegas de cara ao futuro proceso de Compra Pública de Innovación.


Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2026. O Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), celebrou o terceiro obradoiro de ConexiónPRECISA, no marco do Plan de Innovación Sanitaria PRECISAÚDE, dedicado ao Reto 3, centrado nos biomarcadores en saúde mental.

Esta sesión deu continuidade ao traballo desenvolvido nos dous obradoiros anteriores, que permitiu avanzar na identificación dun reto concreto orientado a dar resposta ás necesidades clínicas e asistenciais detectadas, no marco do Reto 3 de PRECISAÚDE.

Durante a xornada, presentouse esta proposta de solución aos profesionais sanitarios e investigadores participantes e recolléronse as súas achegas para delimitar o reto antes de consultar ao mercado, definindo o problema concreto, os requisitos e os límites da futura solución.

As achegas obtidas contribuirán á preparación da futura consulta ao mercado, na que se contrastará a proposta coas capacidades e posibles solucións que poida proporcionar o mercado. Toda esta información servirá para orientar a elaboración do prego da posterior licitación de Compra Pública de Innovación (CPI).

Deste xeito, PRECISAÚDE continúa avanzando na definición de solucións innovadoras que respondan ás necesidades reais do sistema sanitario público galego, incorporando a visión dos profesionais clínicos e investigadores ao longo do proceso.


O proxecto Plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE cun orzamento de 20 millóns de euros foi cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de 12 millóns de euros ó amparo da Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación (CPI).