O encontro promovido por ACIS, en coordinación coa Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, busca orientar futuras licitacións de Compra Pública de Innovación a partir das necesidades reais da práctica clínica.
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026.- A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), en coordinación coa Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), celebrou o pasado venres, 23 de outubro, un obradoiro de Conexión PRECISA centrado nos biomarcadores en saúde mental, no marco do Plan de Innovación Sanitaria PRECISAÚDE. O encontro reuniu 18 profesionais sanitarios e investigadores de diferentes entidades do sistema sanitario galego, co obxectivo de identificar necesidades clínicas non cubertas e explorar novas vías de innovación que contribúan a mellorar a atención ás persoas con trastornos mentais.
A xornada centrouse no Reto 3 de PRECISAÚDE, dedicado ás solucións innovadoras baseadas en biomarcadores vinculados aos trastornos mentais. Este reto busca explorar o potencial dos biomarcadores para apoiar o diagnóstico temperán, o prognóstico e o seguimento da evolución das enfermidades, así como a avaliación da resposta aos tratamentos, con especial atención á depresión, o trastorno bipolar e a ansiedade.
O obradoiro comezou cunha presentación a cargo de José María Romero Fidalgo, Director do área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS e Pilar Morgade Saavedra, Directora do área de Planificación da Investigación Sanitaria de ACIS sobre o contexto e os obxectivos do Plan de Innovación Sanitaria PRECISAÚDE, seguida da intervención de Almudena Díaz Pereira, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, quen contextualizou o encontro no marco do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, destacando a importancia de impulsar a investigación e a innovación neste ámbito.
A continuación, presentouse o estado da arte sobre biomarcadores en saúde mental no contexto do Reto 3 de PRECISAÚDE, abordando os avances existentes neste ámbito e as vías de innovación identificadas previamente, como punto de partida para o traballo colaborativo.
Para favorecer o intercambio de experiencias e perspectivas, os participantes organizáronse en dous grupos de traballo, nos que analizaron as vías de innovación propostas e identificaron outras novas a partir das necesidades detectadas na práctica clínica. As achegas dos distintos perfís profesionais permitiron contrastar estas vías desde diferentes perspectivas clínicas e investigadoras.
Posteriormente, realizouse unha posta en común das contribucións, seguida dunha análise do valor potencial destas vías para o sistema sanitario e das posibles barreiras para a súa implantación. A xornada completouse cunha valoración das diferentes vías e cun exercicio de priorización por parte dos profesionais participantes.
A experiencia dos profesionais sanitarios e investigadores é fundamental para orientar a innovación cara ás necesidades reais da asistencia. Por iso, o obxectivo do obradoiro non era seleccionar unha tecnoloxía concreta, senón identificar as necesidades clínicas nas que os biomarcadores poderían achegar un maior valor e contribuír a mellorar a toma de decisións na práctica asistencial.
O encontro enmárcase en Conexión PRECISA, unha iniciativa de PRECISAÚDE que promove espazos de colaboración e intercambio de coñecemento entre profesionais para identificar necesidades asistenciais e definir conxuntamente solucións innovadoras en diferentes ámbitos da saúde.
As achegas recollidas contribuén á análise e definición das vías de innovación do Reto 3, co obxectivo de orientar futuras licitacións de Compra Pública de Innovación (CPI), cara ao desenvolvemento de solucións que respondan ás necesidades identificadas polos profesionais e teñan en conta as condicións necesarias para a súa aplicación na práctica asistencial.
Participación de profesionais de diferentes ámbitos
O obradoiro contou coa participación de profesionais vinculados á asistencia sanitaria, á investigación biomédica, á saúde mental, á farmacoloxía, á xenética psiquiátrica e á avaliación de tecnoloxías sanitarias, entre outros ámbitos.
No primeiro grupo participaron Roberto Carlos Agís Balboa, José Manuel Olivares Díez, Tania Rivera Baltanás, Javier Costas Costas, Olalla Maroñas Amigo, María Teresa Carrillo de la Peña, Paula Cores Viqueira, David Liñares Mariñas y Yolanda Triñanes Pego.
O segundo grupo estivo integrado por Carlos Spuch Calvar, Manuel Freire-Garabal Núñez, Iratxe Tapia Jara, Xacobe Abel Fernández García, Pablo Aguiar Fernández, Marta López García, Ana María Vázquez Castelo, María de los Ángeles Fernández Ceballos y Almudena Díaz Pereira.
As persoas participantes están vinculadas a diferentes estruturas asistenciais e de investigación do sistema sanitario galego, entre eles o SERGAS, os Institutos de Investigación Sanitaria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Unidade de Asesoramento Científico-Técnico (Avalia-t) de ACIS.