O traballo desenvolvido
permitirá seguir concretando as necesidades clínicas e os
requisitos que deberán terse en conta na preparación das futuras
licitacións de Compra Pública de Innovación
Santiago de Compostela, 9 de novembro de
2026. A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)
acolleu o pasado venres, 6 de novembro, o segundo obradoiro de
ConexiónPRECISA centrado no Reto 3 de
biomarcadores en saúde mental do Plan de Innovación Sanitaria
PRECISAÚDE.
Este
reto busca
impulsar o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en
biomarcadores que contribúan a mellorar a atención en saúde
mental, apoiando a toma de decisións clínicas en aspectos como o
diagnóstico, o prognóstico, o seguimento da evolución das
enfermidades e a resposta aos tratamentos.
O encontro deu continuidade ao traballo iniciado
na primeira xornada, celebrada o 23 de outubro, na que se analizaron
diferentes propostas e identificaron vías de innovación con
potencial para dar resposta ás necesidades da práctica asistencial.
Nesta segunda xornada participaron profesionais
sanitarios e investigadores de diferentes especialidades e ámbitos
de coñecemento: José Manuel Olivares Diez, Marta López
García, María Tajes Alonso, Paula Cores Viqueira, Fernando Facal
Molina, Jorge López Castromán, Mario Páramo Fernández, Manuel
Freire-Garabal Núñez, Olalla Maroñas Amigo, Tania Rivera Baltanás,
Alejandro Quiroz Troncoso, David Liñares Mariñas, Ana María
Vázquez Castelo, Xacobe Abel Fernández García, Manuel Arrojo
Romero, Almudena Díaz Pereira, Anxo Fernández Ferreiro, Iratxe
Tapia Jara, José María Prieto González e María de los Ángeles
Fernández Ceballos.
Os participantes profundizaron nas tres vías de
innovación priorizadas no encontro anterior, a través dun debate no
que compartiron coñecementos e experiencias desde diferentes
perspectivas clínicas e investigadoras.
O traballo centrouse na análise das necesidades
asistenciais, as decisións clínicas que se pretende mellorar e os
posibles biomarcadores candidatos, así como no valor potencial
destas propostas, as dificultades para a súa aplicación e as lagoas
de evidencia existentes. A información recompilada servirá de base
para continuar o traballo de concreción das propostas e para
orientar os futuros procesos de Compra Pública de Innovación (CPI)
previstos en PRECISAÚDE.
A través de ConexiónPRECISA, ACIS continúa promovendo a colaboración entre profesionais sanitarios e investigadores, favorecendo un espazo de intercambio de coñecemento no que as necesidades reais da práctica asistencial constitúen o punto de partida para impulsar a innovación sanitaria.