Celebramos o segundo obradoiro de ConexiónPRECISA no eido dos biomarcadores en saúde mental, onde profesionais asistenciais e da I+D+i debateron sobre vías de innovación e a súa aplicación na práctica clínica

​

O traballo desenvolvido permitirá seguir concretando as necesidades clínicas e os requisitos que deberán terse en conta na preparación das futuras licitacións de Compra Pública de Innovación


Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026. A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) acolleu o pasado venres, 6 de novembro, o segundo obradoiro de ConexiónPRECISA centrado no Reto 3 de biomarcadores en saúde mental do Plan de Innovación Sanitaria PRECISAÚDE.

Este reto busca impulsar o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en biomarcadores que contribúan a mellorar a atención en saúde mental, apoiando a toma de decisións clínicas en aspectos como o diagnóstico, o prognóstico, o seguimento da evolución das enfermidades e a resposta aos tratamentos.

O encontro deu continuidade ao traballo iniciado na primeira xornada, celebrada o 23 de outubro, na que se analizaron diferentes propostas e identificaron vías de innovación con potencial para dar resposta ás necesidades da práctica asistencial.

Nesta segunda xornada participaron profesionais sanitarios e investigadores de diferentes especialidades e ámbitos de coñecemento: José Manuel Olivares Diez, Marta López García, María Tajes Alonso, Paula Cores Viqueira, Fernando Facal Molina, Jorge López Castromán, Mario Páramo Fernández, Manuel Freire-Garabal Núñez, Olalla Maroñas Amigo, Tania Rivera Baltanás, Alejandro Quiroz Troncoso, David Liñares Mariñas, Ana María Vázquez Castelo, Xacobe Abel Fernández García, Manuel Arrojo Romero, Almudena Díaz Pereira, Anxo Fernández Ferreiro, Iratxe Tapia Jara, José María Prieto González e María de los Ángeles Fernández Ceballos.

Os participantes profundizaron nas tres vías de innovación priorizadas no encontro anterior, a través dun debate no que compartiron coñecementos e experiencias desde diferentes perspectivas clínicas e investigadoras.

O traballo centrouse na análise das necesidades asistenciais, as decisións clínicas que se pretende mellorar e os posibles biomarcadores candidatos, así como no valor potencial destas propostas, as dificultades para a súa aplicación e as lagoas de evidencia existentes. A información recompilada servirá de base para continuar o traballo de concreción das propostas e para orientar os futuros procesos de Compra Pública de Innovación (CPI) previstos en PRECISAÚDE. 

A través de ConexiónPRECISA, ACIS continúa promovendo a colaboración entre profesionais sanitarios e investigadores, favorecendo un espazo de intercambio de coñecemento no que as necesidades reais da práctica asistencial constitúen o punto de partida para impulsar a innovación sanitaria.


O proxecto Plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE cun orzamento de 20 millóns de euros foi cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de 12 millóns de euros ó amparo da Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación (CPI).