O Servizo Galego de Saúde lanza o plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE cun orzamento de 20 millóns de euros

 
  • PRECISAÚDE é o novo Plan de innovación sanitaria do Servizo Galego de Saúde centrado na medicina 5P cun orzamento de 20 millóns de euros e catro anos de duración
  • No día de hoxe constituíuse o comité estratéxico de coordinación que desempeñará funcións relacionadas coa toma de decisións e supervisión da evolución do proxecto.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025.- O Servizo Galego de Saúde constitúe no día de hoxe o comité estratéxico de coordinación do novo plan de innovación sanitaria denominado PRECISAÚDE presidido en substitución da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, o Xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, acompañado polo Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.
 
O novo plan de innovación do SERGAS dotado cun orzamento de 20 millóns de euros, ten por obxectivo manter ao sistema galego de saúde á vangarda en materia de Compra Pública Innovadora en saúde, feito recoñecido en 2021 polo Consello Europeo de Innovación como gañadores dos I premios europeos de compra pública innovadora.
 
PRECISAÚDE céntrase na aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente teniendo en cuenta as súas características individuais, mellorando a súa calidade de vida e reducindo os seus efectos secundarios. Esta novo paradigma de atención Sanitaria chamada Medicina 5P, está baseada na personalización de tratamentos e terapias ás características de cada paciente, a prevención de enfermidades e promoción de estilos de vida saudables, a predición para anticipar factores de risco, a participación activa da cidadanía no ambiente sanitario e o enfoque nas necesidades de saúde da poboación.
 
Dado que a medicina 5P constitúe un enfoque amplo, o plan de innovación PRECISAÚDE céntrase ao redor de catro ámbitos de actuación prioritarios. O primeiro ámbito, aspira a desenvolver solucións innovadoras baseadas en biomarcadores orientados ao diagnóstico precoz, a detección de recorrencias e o cribado do cancro. Así mesmo proponse anticipar a resposta a tratamentos  nutricionais para a obesidade, así como avanzar no diagnóstico temperán e o seguimento de trastornos mentais.
 
No segundo, PRECISAÚDE pretende aplicar sistemas de simulación innovadores para aplicar novas técnicas hemodinámicas para o tratamento da parada cardio-respiratoria e de ECMO así como do tratamento de feridas crónicas.
 
O terceiro ámbito pretende atopar solucións para a análise xenómica avanzada integrando a análise e a etiquetaxe automatizada de datos xenómicos con minería de datos para a detección de patróns en relación aos datos clínicos dos pacientes.
 
E por último, o plan aspira atopar solucións innovadoras de terapias avanzadas para o desenvolvemento de terapia génica e celular, pretendendo dispoñer de novas inmunoterapias celulares avanzadas que dean resposta a problemas de saúde non cubertos polas necesidades do mercado. Tamén aspira a desenvolver unha plataforma de xestión da produción de terapias avanzadas a través de sistemas innovadores.
 
PRECISAÚDE OBTIVO A MÁXIMA PUNTUACIÓN PARA LOGRAR O FINANCIAMENTO EUROPEO
 
O plan de innovación PRECISAÚDE foi recentemente beneficiario dunha axuda no marco da denominada liña de fomento da innovación desde a demanda (liña FID) que convoca o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
 
A candidatura presentada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde en nome do SERGAS, obtivo a máxima puntuación de entre as candidaturas presentadas o que permite lograr o financiamento máximo proveniente de Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) POPE 2021-2027.
 
Unha vez realizadas a consulta preliminar ao mercado consistente en contrastar co sector privado e de I+D+i a viabilidade técnica e económica dos retos expostos en PRECISAÚDE e de lograr o financiamento necesario para a posta en marcha do plan, comeza a fase de licitación e execución dos proxectos que se expoñen en PRECISAÚDE durante o próximos tres anos ata decembro de 2028. A posta en marcha do comité estratéxico de coordinación de PRECISAÚDE constitúe o primeiro paso para a execución dos retos que se expoñen no novo plan de innovación sanitaria.

Proxecto susceptible de ser financiado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Ministerio de Ciencia e Innovación